educación

Máis que unha necesidade básica, a educación é a pedra angular de calquera sociedade, a que determina o funcionamento desta tanto para ben como para mal. Todos os medios de comunicación, os discursos políticos e os organismos internacionais coinciden na importancia da educación, mais… realmente o paradigma educativo actual busca que as persoas teñan un boa calidade de vida e que traballen para mellorar a súa comunidade?
 
Normalmente as escolas son vistas polos alumnos como espazos de aburrimento máis que de diversión, nos cales a aprendizaxe fica limitada á ensinanza duns contidos curriculares que habitualmente son esquecidos pouco tempo despois. A adquisición destes contidos é medida a través do sistema de cualificacións, de maneira que o suxeito e as súas aprendizaxes son comparados cunha escala estandarizada, mais o certo é que cada suxeito é único, singular e irrepetíbel. Un número acaba definindo a calidade de persoa que é cada alumno e créase un sistema de gañadores e de perdedores no canto dun sistema que coide os intereses e aptitudes de cada estudante. En definitiva, edúcase para a competencia e non para a paz ou a solidariedade.
 
Non obstante, outras educacións son posíbeis.
 
 

 
 
En primeiro lugar, os colexios non teñen que ser lugares de tedio porque todos os nenos nacen co desexo de aprender, todos son creativos e curiosos. De feito, o que resulta imposíbel para o ser humano é non aprender. Os docentes non teñen que se esforzar en crear no alumnado ganas de saber, senón facer que cheguen ao coñecemento de forma pracenteira para non frustraren a súa capacidade natural.
 
Cal é entón o problema? Quizais que a maioría dos sistemas educativos tratan de ensinar verdades en vez de propiciar que o educando as descubra, cando a nosa maneira natural de aprender funciona precisamente mediante o descubrimento. Dar respostas prefabricadas sen os nenos teren a oportunidade de se faceren as preguntas mata o proceso e, como consecuencia, complica a asimilación do resultado.
 
En segundo lugar, resulta cando menos peculiar que todos os escolares deban aprender o mesmo cando non todos os adultos sabemos o mesmo nin nos dedicamos ao mesmo. Proporcionarlles unha maior liberdade para escolleren que queren saber e como o queren aprender pode acentuar o seu desexo natural de coñecer ao tempo que os axuda a descubrir cales son os seus intereses e a ser capaces de tomaren decisións. Esta filosofía pode xerar medo á indisciplina, mais que é a disciplina: a aprendizaxe da conduta ou que alguén se limite a se comportar como outra persoa quere? Neste sentido, algúns proxectos de educación alternativa apostan por asembleas en que a comunidade escolar debate e decide os límites necesarios, de xeito que todos participan no proceso e non só no resultado.
 
Nun sistema máis libre hai que se preguntar se teñen sentido a separación estrita por idades e as cualificacións. A respecto destas cuestións existen múltiplas fórmulas, como a división por rangos máis amplos ou a organización segundo outros criterios; a autoavaliación ou o intercambio de impresións entre o profesorado, o alumnado e as familias. Non hai unha receita para todos, senón que probabelmente haxa que buscar un método para cada persoa e para cada contexto. O importante é que a educación sexa un espazo de crecemento persoal que dea resposta ás necesidades individuais e comunitarias, guiado sempre polo amor e o respecto.
 
Actualmente existen asociacións integradas por familias e profesores que promoven formas de educación diferentes á estatal, como Otra Escuela Es Posible, a Asociación por la Libre Educación ou o Colectivo Escuela Libre. Ademais destas entidades, tamén hai centros nos cales a ensinanza alternativa xa é unha realidade, como as escolas Waldorf, que seguen a pedagoxía do mesmo nome. Esta baséase nas concepcións do filósofo Rudolf Steiner e persegue unha educación integral que desenvolva todas as capacidades do ser humano: a intelectual, a emocional e a volitiva, isto é, a de ter unha vontade firme para actuar no mundo.
 
 

Pensando en los demás

 

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *

*