medios

Nesta web procuramos achegar algunha información que non ten cabida nos medios de comunicación convencionais a pesar da súa importancia para mellorar a vida das persoas. Por que ocorre isto nunha época en que as novas tecnoloxías facilitan como nunca a transmisión de coñecemento? Será porque a mercantilización da información crea o risco de que as empresas comunicativas busquen a rendibilidade económica en vez da calidade dos contidos?
 
De acordo cun esquema elaborado polo colectivo Anonymous, a maioría dos medios de comunicación españois pertencen a construtores e á banca, ademais de a autoridades católicas ou membros do Opus Dei. Até que punto estamos informados cando detrás das axencias informativas e dos medios de masas hai estruturas cuns fins económicos moi claros? Hai perigo de que estas promovan o descoñecemento para favoreceren os intereses dos grandes poderes relixiosos, políticos e económicos?
 
Por outra banda, a radio e a televisión son canles exclusivas, non están abertas a calquera persoa ou colectivo que queira emitir. Ademais dos recursos económicos necesarios para pór en marcha calquera medio de comunicación, para abrir unha radio ou unha televisión é preciso conseguir unha das licenzas que adxudican as administracións. En España practicamente non se conceden licenzas ás emisoras comunitarias, sen ánimo de lucro e cuxa finalidade é a de melloraren a sociedade das comunidades ás cales pertencen. A Lei Xeral do Audiovisual de 2010 supuxo un avance para estas emisoras ao recoller o dereito da cidadanía a recibir información de medios comunitarios, mais o regulamento que o desenvolve contempla múltiplas restricións para eles, como a limitación das potencias de emisión ou da porcentaxe de poboación á cal poden chegar nos municipios máis grandes. Non obstante, non atenta isto contra o propio dereito que pretende desenvolver?
 
 
Podcast do programa de radio “A vida á outra cousa” dedicado aos medios de comunicación
 
 
Non temos unha fórmula máxica para atallarmos estas situacións, o máis importante é termos consciencia de que non se está contando todo o que hai que contar e de que os medios que queren contalo teñen impedimentos para o faceren. Así pois, ao igual que falamos da importancia de sermos consumidores responsábeis cando abordamos o tema da alimentación, tamén debemos pensar en sermos receptores responsábeis e procurar saber cal é a orixe da información: quen a envía?, para que?, por que nese momento?
 
 

Medios de Desinformación – Rosa María Calaf from ATTAC.TV on Vimeo.

 
 
Neste sentido, é de axuda coñecermos os métodos usados polos medios para desinformaren, resumidos polo lingüista Noam Chomsky nas súas dez estratexias de manipulación mediática. Unha das máis destacadas é a estratexia da distracción, que consiste en desviar a atención dos problemas importantes e dos cambios decididos polas elites mediante un aluvión de informacións insignificantes. Tamén é relevante o método de presentar un problema que provoca no público unha reacción prevista co fin de que este acepte ou incluso demande unhas medidas que os poderes queren aplicar. Outros procedementos son o de mostrar a adopción dunha medida de maneira gradual, o de se dirixir aos receptores como se fosen nenos, o de resaltar aspectos emocionais en vez de racionais, o de promover a mediocridade ou o de reforzar a autoculpabilidade da audiencia.
 
Ademais disto, é posíbel termos medios que nos acheguen información proveitosa para as nosas vidas? A pesar das dificultades sinaladas, Internet e as novas tecnoloxías posibilitan a creación de medios participativos, abertos á cidadanía e nos cales teñan cabida outras realidades. A participación precisa implicación e unha actitude crítica para se achegar o máximo posíbel á verdade e tratala de maneira honesta, transparente e plural. Esta comunicación é factíbel e necesaria, porque só se baseamos as nosas opinións en informacións contrastadas e de calidade poderemos tomar decisións acertadas.
 
Unha iniciativa xurdida grazas á participación de persoas comprometidas coa transformación social, a liberdade de expresión e o pensamento crítico é a cooperativa MásPúblico. Esta sociedade, formada por xornalistas mais tamén por outros cidadáns, naceu co obxectivo de mercar o xornal Público despois do seu cerre e de convertelo nun medio de comunicación independente do mercado e do Estado. Finalmente esta cabeceira foi recomprada polos antigos donos, mais a cooperativa MásPúblico seguiu co proxecto e creou o periódico La Marea, que funciona como diario dixital e tamén como publicación impresa mensual. Este modelo comunicativo permítelles aos profesionais decidiren os contidos de forma libre e independente e aos lectores comprometidos participaren nas decisións fundamentais do medio.
 
 

Outros enlaces de interese

 
 
Documental de La manipulación  mediática en España y la represión televisiva
 

 
 
Informativo reivindicativo dos traballadores da CRTVG durante a xornada de folga en contra da reforma da lei dos medios públicos galegos
 

 
 
12 Disparadores: de la globalización al gobierno mundial
 

 
 

Informe McBride
 
http://es.wikipedia.org/wiki/Informe_McBride
 
 
Trailer documental Miracielo
 

 
 

La tele del 15M
 
http://www.tomalatele.tv/web
 
 
Mensaje de Anonymous a los medios de comunicación
 

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *

*