lingua

Até agora vimos como as necesidades básicas dos seres humanos non están plenamente cubertas e agora preguntámonos se esta situación se reflicte nos nosos usos lingüísticos. É posíbel que mudase a percepción que temos de certos conceptos porque as realidades que designan xa non nos axudan a satisfacer esas necesidades?

Moitas veces escoitamos dicir que a alguén non lle interesa a política ou incluso que é apolítico e intuímos ademais que isto se expón como unha virtude e non como unha eiva. Non obstante, a palabra política, que procede do grego polis (cidade), fai referencia á ‘administración dos asuntos públicos’, a cal determina o funcionamento da cidade ou comunidade e a convivencia cidadá. De acordo con esta definición, a política resulta absolutamente necesaria e participar nela, unha actividade positiva, en tanto que supón contribuír á boa marcha da sociedade en que un vive. Por que se lle asocia entón esoutro matiz negativo? Probabelmente pola función que está a desempeñar actualmente a maioría dos nosos representantes políticos, os cales non semellan movidos polo ben común da sociedade, de aí que a política pase a se asociar coa actividade de quen usa o poder en beneficio dos intereses individuais.

Esta desviación semántica parece lóxica e natural, mais hai que se preguntar se pode ser perigosa. Mudar o significado dunha palabra non é só unha cuestión de lingua, pois esta reflicte a realidade mais tamén inflúe nela. Cando dicimos que non nos interesa a política ou que somos apolíticos rexeitamos os malos usos relacionados con ela mais tamén renunciamos ao seu sentido orixinal, o que en última instancia supón manternos alleos á organización das nosas propias vidas. E, insistimos, as maneiras de falar non son só maneiras de falar. O discurso construído arredor da renuncia á política lexitima que a acción cidadá se limite á protesta, sen contemplar a súa participación activa.

Diversos grupos que perseguen un cambio social falan precisamente da necesidade dunha democracia participativa. Esta construción é en si mesma unha redundancia, pois, se a democracia é o ‘goberno do pobo’, enténdese que necesariamente este participa na toma de decisións. Non obstante, a situación actual, en que a acción da cidadanía parece estar restrinxida a votar cada catro anos, fai que este trazo de participación, en principio intrínseco ao concepto de democracia, xa non se active automaticamente ao falar desta forma de goberno. É por iso que se explicita mediante a adición do adxectivo participativa. Entendemos, pois, o motivo polo cal se produce esta transformación lingüística, mais que repercusións pode ter? Supón que tamén aceptamos como democracia unha forma de goberno en que o pobo non participa?

Se frecuentemente aseguramos renunciar á política, isto é aínda máis común con termos como filosofía. Adoitamos concibir esta como unha disciplina pouco útil para as nosas vidas, á cal non paga a pena dedicarlle nada do noso tempo. Mais… que é en verdade a filosofía? Se reparamos na súa etimoloxía, comprobamos que é, literalmente, ‘amor pola sabedoría’. O filósofo é quen quere saber, de feito Platón definía como tal aquel que busca a verdade. É certo que cando desbotamos a filosofía o facemos porque lle atribuímos a este vocábulo o significado de ‘estudo das cuestións máis fundamentais e xerais relacionadas co mundo e co ser humano’ e non o puramente etimolóxico. Non obstante, tal e como ocorría con política, negar a filosofía lexitima non se deter a reflexionar na procura da verdade.

Que consecuencias pode ter esta ausencia de reflexión? A lingüística móstranos que impide facer efectivo outro concepto fundamental nas nosas vidas: a liberdade. Esta consiste no ‘dereito e  posibilidade de actuar e de decidir segundo os propios criterios’, de modo que, se estes criterios non están formados, non poderá haber máis que aparencia de liberdade. Sen a liberdade de consciencia, para a cal é preciso partir do desexo de saber, non pode ser efectiva ningunha outra liberdade.

Como xa sinalamos, a relación entre a linguaxe e a realidade é bidireccional ou de retroalimentación: a primeira reflicte a segunda mais tamén a crea e a modifica. É por iso que quizais haxa que se esforzar en recuperar o verdadeiro sentido de palabras como as que acabamos de analizar. Restaurarmos o significado de termos como política ou filosofía dános a posibilidade de actuar en favor da verdadeira democracia e da verdadeira liberdade, á vez que esta actuación afianzará os propios conceptos.

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *

*