vivenda

A vivenda constitúe outra das necesidades básicas de todo ser humano, mais na actualidade as casas non están ao servizo das persoas. Segundo o censo de edificios de 2011 (este censo realízase cada dez anos), en España hai máis de 3,4 millóns de vivendas que están baleiras. Non obstante, de acordo cos datos proporcionados pola Plataforma de Afectados por la Hipoteca, entre 2008 e setembro de 2012 producíronse máis de 360.000 desafiuzamentos. Por que a xente ten que abandonar os seus fogares cando tantas construcións permanecen desocupadas? Será que o desexo da propiedade privada, alimentado polo sector financeiro e a industria inmobiliaria, levou moitos cidadáns a asinaren hipotecas inasumíbeis que finalmente os deixaron sen propiedade e sen dereito a residir nunha vivenda digna?
 
Por outra banda, en 2009 o 90% do territorio español era rural, mais só residía nel o 20% da poboación. Este dato dá fe de que o éxodo rural non se detén, senón que, polo contrario, as cidades concentran un número de habitantes cada vez maior. Porén, son estas cidades sostíbeis de seu? Semella que para un Estado resulta moito máis doado prestar servizos públicos e controlar a poboación se esta está concentrada nos espazos urbanos, mais as urbes actuais dependen necesariamente dun sector servizos para subsistiren, o cal mostra que non son autosuficientes. De feito, a pegada ecolóxica (a área de terreo necesaria para producir e asimilar recursos) dos países desenvolvidos é maior que a dos demais porque presentan unha maior urbanización.
 
Ademais, a construción está a consumir o 50% de todos os recursos mundiais e, nas cidades, os edificios emiten máis dióxido de carbono que a industria e os coches xuntos. Grande parte dos materiais usados están baseados en compostos químicos sintetizados para os cales o noso organismo non está preparado e os sistemas de climatización provocan alerxias, dores de cabeza e doenzas respiratorias, ao tempo que favorecen a reprodución de bacterias como a da lexionela. Así pois, a industria do ladrillo actual tamén pon en perigo a nosa saúde.
 
Por todo o anterior preguntámonos se é posíbel termos todos residencias dignas, respectuosas co medio ambiente e coa nosa saúde e en contornas autosuficientes. O feito de haber tantas vivendas baleiras responde a primeira cuestión: si hai casas para vivirmos todos, outro tema é poder telas en propiedade privada. A ocupación de inmobles abandonados, os contratos de cesión de uso a cambio do mantemento da edificación ou incluso de produtos agrícolas, os arrendamentos cruzados (ter arrendada a vivenda propia a cambio de pagar o aluguer doutra tamén hipotecada para evitar ambos os desafiuzamentos) ou as cooperativas que compran débedas hipotecarias cando saen ao mercado con prezos moi inferiores ao seu valor nominal son algunhas das fórmulas posíbeis.
 
A repoboación de zonas rurais abandonadas é outra vía que, ademais, contribúe a solucionar o problema da insostíbel pegada ecolóxica que teñen as cidades. Por suposto vivir nestas segue a ser unha opción, mais quizais haxa que se preguntar canto tempo poderán resistir tal e como son entendidas na actualidade. A súa continuidade probabelmente pase por se converteren en autosuficientes, o cal se pode favorecer con iniciativas como as centrais de abastecemento, almacéns de produtos agroecolóxicos e artesanais que funcionan como espazos de intercambio e de consumo, xestionados e financiados a través da acción colectiva e da participación local.
 
Canto á posibilidade dun modelo arquitectónico respectuoso co medio ambiente e coa nosa saúde, resulta que este xa é practicado, aínda que polo de agora non é o dominante. Trátase da bioconstrución, que promove unha construción respectuosa coa vida na súa concepción máis ampla: coa vida das persoas que residen nas casas, coa vida do lugar e coa vida do planeta. O criterio de respecto está presente en todos as decisións relacionadas co proceso construtivo: na escolla do lugar, na selección dos materiais, no estabelecemento das dimensións, no deseño e na adopción das solucións arquitectónicas. A arquitectura tradicional é un bo referente pola utilización de materiais próximos, xa que ao optarmos por estes estamos aforrando no gasto enerxético derivado do transporte. Outra das pautas esenciais é construír seguindo un deseño bioclimático, isto é, un deseño que permita climatizar a vivenda de xeito natural, de modo que haxa que recorrer o menos posíbel a unha calefacción ou a unha refrixeración artificiais. Isto conséguese cos materiais adecuados, cunha boa orientación da casa e cunhas dimensións apropiadas.

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *

*