saúde

Moi relacionada coa alimentación está a saúde, que tamén é unha necesidade básica. Non obstante, na actualidade estar completamente san parece algo excepcional. Abonda con pensarmos na reducida cantidade de xente que coñecemos que non toma ningún medicamento para nos decatarmos de que a enfermidade é a norma e a saúde, a excepción. A proba de que o sistema está focalizado na enfermidade e non na promoción da sáude está na propia linguaxe: os medicamentos chámanse analxésicos, antibióticos, antinflamatorios… negan a dor, as infeccións, as inflamacións, mais non afirman a saúde. Semella que o sistema sanitario non busca a prevención nin dar coa raíz das doenzas, senón actuar só sobre os  síntomas. Ocorrerá isto porque a enfermidade tamén é unha mercadoría que fai gañar moitos cartos?

Polo menos así o explica Madame Ghis, autora do libro A mafia médica (1994), o cal lle custou a expulsión do colexio de médicos do Canadá e a retirada da súa licenza para exercer a medicina. Nesta obra relata como se decatou de que os seus estudos de medicina non a prepararan para facer que a xente estivese verdadeiramente sa. Entre outras cousas, asegura que as vacinas non teñen sentido, así como que o cancro se pode tratar moito mellor do que parece. Para os que non temos uns coñecementos sólidos de medicina é difícil sabermos se estas aseveracións son certas, mais a verdade é que son moitas as voces que advirten dos fallos da industria médica.

Nunha liña similar, o terapeuta Alfredo Embid sostén que no momento en que a medicina se converte nunha industria o obxectivo xa non é só a saúde, senón tamén a obtención de beneficios. Embid trata de maneira detallada o tema do cancro, a respecto do cal sinala que non se están a analizar as verdadeiras causas que o producen. En concreto, denuncia que se lle concede unha relevancia desproporcionada ao factor xenético e non a outros como a contaminación química e radioactiva, presente no aire de todo o planeta e nos alimentos que consumimos. Tamén critica os tratamentos predominantes, que segundo el non tratan de estimular as capacidades de autorregulación do noso propio sistema inmunitario.

O doutor en Veterinaria Ángel Gracia apunta que unha mala nutrición, imperante na sociedade actual, favorece os intereses das industrias farmacéuticas e médicas, porque os seus medicamentos se volven máis necesarios. Non obstante, Gracia sostén que o consumo dos nutrientes necesarios é mellor garante da saúde que os medicamentos e que, ademais, podemos acceder a moitos deles de forma gratuíta, a través da auga de mar e do sol.

Existen concepcións alternativas da saúde que intentan superar as eivas do sistema actual. Unha delas é a sinterxética, liderada polo doutor Jorge Carvajal. Esta corrente entende que a saúde e a enfermidade non só son produto de intercambios de materia e de enerxía, senón que principalmente son o resultado dos niveis ou estados de conciencia. Outra alternativa é a terapia Quantum ou sistema Scio, baseado na física cuántica e na análise enerxética do organismo.

Reiteramos que non estamos capacitados para xulgarmos definitivamente as asercións anteriores nin as medicinas alternativas existentes, mais o sentido común dinos que ten que ser posíbel unha sociedade en que a saúde sexa a norma e non a excepción. É por iso que quizais resulta necesario cuestionármonos a idoneidade do sistema actual e apostarmos por outro en que se pase do paradigma paciente-obxecto, centrado na enfermidade, ao paradigma persoa-suxeito, centrado no individuo e no seu benestar. Isto xa o están facendo en lugares como o centro de saúde autoxestionado AureaSocial, en Barcelona, onde traballa o grupo Salut Holística Autogestionada. Neste marco os terapeutas asumen un papel de facilitadores da saúde e de acompañantes e comparten coa comunidade as súas experiencias e coñecementos, de modo que as múltiplas medicinas e formacións desembocan nunha continua aprendizaxe en equipo. Desta maneira as persoas poden tomar o control da súa propia saúde e acceder ao coñecemento necesario para se manteren sas.



Outros enlaces de interese

Todo o que querías saber sobre a privatización da sanidade e que ninguén che contou até agora:

http://www.youtube.com/watch?v=IM0QjTumuQQ

Charla impartida por Félix Rodrigo Mora, titulada “Alternativas al estado del bienestar”, en Elche, o día 12 de novembro de 2011, convocada polo Grupo Antimilitarista Tortuga, no local da CNT:

http://www.vimeo.com/32464409 w=400&h=227″ from Nees19 on Vimeo.

Máis información en: nodo50.org/tortuga/Felix-Rodrigo-Mora-en-Elx?var_recherche=felix%20rodrigo%20mora

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *

*